De linguas e redes
Desde o traballo ao redor do mundo das linguas, da comunicación e dos contidos na rede chocamos cunha realidade sobre a que é necesario reflexionarmos. Unha realidade na que se cruzan contextos en construción dos que aínda non existen teorías ou discursos claros.
Na rede temos lido xa moito ao redor do papel das linguas e da súa presenza na web. En primeiro termo observamos a web como un contexto favorecedor para a promoción das linguas máis predominantes, como é o caso do inglés. Máis tarde comezamos a ver análises que marcaban a rede como un espazo favorecedor para as linguas emerxentes. Todos estes elementos seguen a convivir con nós, ás veces semella que camiñamos nunha dirección, outras, noutra moi diferente... Mais o que semella estar claro é que precisamos interpretar o que está acontecendo, para aproveitar as oportunidades que poden xerarse para as linguas, as culturas, o emerxente.
Gustaríame sinalar en relación con esta temática, xa nada nova, que a relación entre linguas, sociedade e cambio tecnolóxico vai moito máis alá. Lingüistas de mente moi lúcida falan dunha revolución da linguaxe en tres dimensións, unha revolución da linguaxe que ten relación coa web e co tempo en que vivimos. Unha revolución que arrancaría co nacemento de novas formas de linguaxe que o condicionan todo: os correos electrónicos, os chats, os foros (textspeak ou nextspeak). Falan tamén da aparición da primeira lingua global co seu correlato de preponderancia na rede. E sinalan o movemento emerxente na rede das linguas con menos poder e menos falantes. Sobre este tipo de reflexións aínda queda moito que traballar e avaliar. Pero son desas reflexións que a unha lle parecen imprescindibles para estar hoxe no mundo.
Nestes tempos de crise e confusión aínda se fai máis difícil, se cadra, manter vivo e dinámico o pensamento sobre as orientacións xeradas na nosa sociedade. Pero é imprescindible continuar nelas para dialogar coas mudanzas que van cambiando todo aquilo que facemos, producimos ou creamos.






Escribir un comentario