De linguas e redes
Desde o traballo ao redor do mundo das linguas, da comunicación e dos contidos na rede chocamos cunha realidade sobre a que é necesario reflexionarmos. Unha realidade na que se cruzan contextos en construción dos que aínda non existen teorías ou discursos claros.
Na rede temos lido xa moito ao redor do papel das linguas e da súa presenza na web. En primeiro termo observamos a web como un contexto favorecedor para a promoción das linguas máis predominantes, como é o caso do inglés. Máis tarde comezamos a ver análises que marcaban a rede como un espazo favorecedor para as linguas emerxentes. Todos estes elementos seguen a convivir con nós, ás veces semella que camiñamos nunha dirección, outras, noutra moi diferente... Mais o que semella estar claro é que precisamos interpretar o que está acontecendo, para aproveitar as oportunidades que poden xerarse para as linguas, as culturas, o emerxente.
Gustaríame sinalar en relación con esta temática, xa nada nova, que a relación entre linguas, sociedade e cambio tecnolóxico vai moito máis alá. Lingüistas de mente moi lúcida falan dunha revolución da linguaxe en tres dimensións, unha revolución da linguaxe que ten relación coa web e co tempo en que vivimos. Unha revolución que arrancaría co nacemento de novas formas de linguaxe que o condicionan todo: os correos electrónicos, os chats, os foros (textspeak ou nextspeak). Falan tamén da aparición da primeira lingua global co seu correlato de preponderancia na rede. E sinalan o movemento emerxente na rede das linguas con menos poder e menos falantes. Sobre este tipo de reflexións aínda queda moito que traballar e avaliar. Pero son desas reflexións que a unha lle parecen imprescindibles para estar hoxe no mundo.
Nestes tempos de crise e confusión aínda se fai máis difícil, se cadra, manter vivo e dinámico o pensamento sobre as orientacións xeradas na nosa sociedade. Pero é imprescindible continuar nelas para dialogar coas mudanzas que van cambiando todo aquilo que facemos, producimos ou creamos.
O galego, parte de ti
Participamos na creación da campaña O galego, parte de ti
Un traballo que realizamos Tagen Ata e Pedro Figueras para o Concello de Pontevedra no marco da Copa de Europa Premium ITU Tríatlon Pontevedra 2010.
Fixemos unha guía básica para os e as triatletas que participaron na Copa de Europa do 12 de xuño en Pontevedra. Nela damos a benvida ao mundo do tríatlon en 18 idiomas e convidamos ao uso do galego aproveitando a visita.
Facilitamos frases básicas para a comunicación dunha persoa de chegada recente ao contexto galego, acompañadas de tradución ao inglés e con audio en galego para aprender algo sobre os nosos sons. Accesíbel desde o móbil e desde os novos dispositivos de acceso á internet.
En Ferrol fálase
A través destas entrevistas entramos en colaboración con eufalo.tv. Desde EuFalo.TV. abriron unha canle na que imos colaborar de agora en diante En Ferrol fálase.
A primeira das nosas entrevistas: unha entrevista feita ao xerente do Racing de Ferrol, Antonio Aneiros: "Antonio cóntanos que se fala no campo de xogo, no mundo do deporte, na cidade de Ferrol. Escoitamos unha historia que chega desde a dilatada experiencia dun home que nos engancha coa súa actividade e dinamismo".
Tagen Ata con Namórate da lingua
Tagen Ata traballa a dinamización na rede da campaña Namórate da lingua! Esta segunda edición da campaña quere acadar a participación da mocidade na creación de slogans ao redor dos valores da lingua. A acción está orientada a rapaces e rapazas de 14 a 16 anos de idade dos centros de ensino de Santiago.
Galego en liña no terceiro sector
Esta semana comezou en Igaxes, o Instituto Galego de Xestión para o Terceiro Sector, un novo curso en liña de formación e reciclaxe en lingua galega.
Presentamos informe para o Concello de Pontevedra
O 16 de decembro Tagen Ata presentou na Comisión Interdepartamental de Seguimento da Ordenanza de Impulso de Uso do Galego as principais conclusións do estudo levado a cabo sobre o grao de cumprimento de dita ordenanza. O estudo fundamentouse na implementación dun cuestionario de 48 preguntas que foi cuberto polo funcionariado do concello. A investigación non só se centrou en indagar sobre o cumprimento do establecido na ordenanza, xa que tamén achega datos a respecto de usos, competencias e actitudes lingüísticas do conxunto do funcionariado. Este estudo é o primeiro que se fai en Galicia sobre os contidos e o cumprimento dunha ordenanza municipal de normalización lingüística.
O Concello de Fene aproba o II Plan de Igualdade
O pasado 5 de novembro a corporación municipal de Fene aprobou por unanimidade o II Plan de igualdade de oportunidades entre mulleres e homes 2010-2013.
Tagen Ata estrea os seus novos cursos en liña
Este outono Tagen Ata inaugura a súa nova plataforma de cursos en liña.





